xornadas sobre a visibilidade da muller na produción cultural galega e a reflexión crítica da cidadanía.
Presentación
Mulleres na rúa / Arte / Crítica / Debates / Fotografía / Gravado / Letras / Moda / Serigrafía / Tecnoloxía / Participación cidadá / Activismo / Audiovisual
Cruces entre as artes visuais, a investigación, as letras, a indumentaria, a tecnoloxía, o activismo, a crítica e unhas intervencións en rúa, que ao completarse coa mirada do espectador, contribuirán a producir unha panorámica ampla e plural das prácticas artísticas e das distintas manifestacións culturais, movementos e tendencias despregadas pola muller galega actual. Ademais das opcións artísticas e recreativas, o énfase destas xornadas será posto na experimentación e a participación cidadá.
OBXECTIVOS
INTENCIÓNSAposta a ser como un xogo de espellos, que proxecte a multiplicidade do suxeito feminino, aberto ás percepcións de homes, mulleres e nenos, convocando a complicidade da ollada pública.Desexa ser un mecanismo que a partir da difusión dunha pluralidade de producións, renove interrogantes, formule anhelos e amplifique as súas resonancias dando a palabra á cidadanía para construír creativamente novas identidades e sinalar as súas inquedanzas respecto da discriminación das mulleres.Aspira a promocionar novos hábitos, nos ámbitos do público e o privado. Grazas ao humor, a ironía das actividades recreativas e a visibilidade na rúa, aspira a favorecer a captación de novos públicos e novas sensibilidades, impulsando a eliminación de estereotipos
EDICIÓN 2011
Esta primeira edición defínese como unha práctica aberta, un pequeno acontecemento en permanente construción, autorreflexivo, que admite e favorece a diversidade de axentes e producións culturais. Entre as actividades inclúense intervencións artísticas en rúa, exposicións, actividades recreativas e presentacións teóricas e debates abertos ao público (fisicamente e na rede), entre outras.
Na ficha de participación (descargar aquí), enumeramos espazos e recursos que poñemos a vosa disposición. Espazos e recursos para a libre in(ter)vención, experimentación, crítica, exhibición, divulgación científica, editorial e asociativa, producida por mulleres.
En tempos de crise, desactivación cívica e abstencionismo da participación cidadá, a idea de levar adiante calquera proxecto, con escasos recursos, é un risco que asumimos con enerxía e agardamos se propague mediante o contaxio.
Agardamos que o proxecto sexa de voso interese e que poidades encontrar a vosa peculiar maneira de integrarvos, e agradecemos desde xa, as vosas ideas, invencións e adhesión.
Teófila Noemí Ruiz
No hay comentarios:
Publicar un comentario